Zapatero e o PSOE non poden ignorar o ditame do Comité
de Expertos
O FOP considera que a definición de RTVE debe ser previa ós
proxectos da Sepi
A proposta da SEPI e da Dirección Xeral de RTVE
adoece dun erro de partida, e dun incumprimento lacerante. O erro é
pór o carro diante dos bois e querer reorganizar RTVE con carácter
previo á aprobación da Lei de reforma do Ente, que ha
de definir a misión de servizo da radiotelevisión pública
estatal e o financiamento e a organización deste servizo público,
tan necesario para a preservación do pluralismo e a programación
de calidade, que o mercado non asegura.
O incumprimento é dobre: por non asumir o Goberno de ZP, como
prometeu este, as propostas do Comité de Expertos para a reforma
dos medios públicos estatais (non hai aínda proposta gobernamental
sobre EFE), e por se desdicir a Directora Xeral de RTVE de que a reestruturación
debería vir, loxicamente, despois da definición a través
da Lei.
Como engadido, a proposta da SEPI non é só chatamente
economicista, ignorando a rendibilidade social dos medios públicos
estatais, senón claramente centralista, eludindo a responsabilidade
do Estado e dos seus medios públicos na difusión de linguas
e culturas non castelás e dando marcha atrás en conquistas
históricas como a programación en catalán de Ràdio
4 en Catalunya ou en TVE en Sant Cugat.
O FOP reclama que desde o Goberno e a Dirección Xeral do Ente
Público se negocie de boa fe cos sindicatos e se acepte que a
televisión pública estatal ten que dispor da dimensión
e a estrutura necesarias para ser realmente o servizo público
que se pretende. A reforma pasa polo respecto ós dereitos dos
traballadores e ó mantemento dun cadro suficiente e estable con
emprego de calidade, o compromiso de permanencia das empresas do ente
no sector público polo que respecta á xestión e
á produción propia e o mantemento da estrutura territorial
como elemento vertebrador dunha sociedade e dun Estado plurais.
A resposta dos traballadores estase a situar á altura do desafío
formulado, e alertamos ós responsables de RTVE de que non se
reproduzan situacións como a interrupción empresarial
do informativo catalán de TVE, cando se leran comunicados de
protesta dos traballadores, acto que só cabe cualificar como
censura, e de que non se leven á práctica ameazas de sancións
contra quen luzan adhesivos reivindicativos en momentos de emisión
en directo. De non ser así, engadirían ó inxusto
da proposta de reestruturación o autoritarismo que só
pode levar ó endurecemento do conflito. E á posibilidade
de que o novo modelo de RTVE, eficiente e viable, pero asumindo a súa
misión de servizo público, naufrague.
Foro de Organizaciones de Periodistas
13 de marzo de 2006
Esta web foi desenvolvida polo FORO DE ORGANIZACIONES
DE PERIODISTAS como ferramenta de difusión entre os
profesionais dos contidos e alcances da proposición de Lei do
Estatuto do Xornalista Profesional.
Copyright 2006, Foro de Organizaciones de Periodistas
Reservados tódolos dereitos